Domingo 9

Para rematar a fin de semana, como prato forte, acompañarannos dúas das galardoadas nos premios María Luz Morales (Academia Galega do Audiovisual) a través dos cales se pretende fomentar a investigación no eido audiovisual desde unha perspectiva tanto galega como universal, promovendo a creatividade e a independencia investigadora. Unha vez máis, as proxeccións comezarán ás 20.00h cunha duración aproximada de 17 minutos, tras os que teremos a oportunidade de escoitar ás autoras para finalizar cun coloquio. As pezas seleccionadas para pór o punto final a nosa benquerida sección son Nus (2018) de Denisse Lozando, e como xa anticipamos na crónica do venres, Muller Personaxe de Lucía Estévez.

Denisse Lozano, graduada en Comunicación Audiovisual, cursou estudos de Dirección Cinematográfica e Dirección de Fotografía e forma parte da primeira promoción do Mestrado de crítica cinematográfica organizado por Caimán Cuadernos de Cine e a ECAM. Durante os últimos anos combinou rodaxe e crítica, colaborando con distintos medios escritos e explorando as formas de ficción, videocreación e videoensaio crítico. En Nús, aborda o uso do nu feminino mergullándose na súa orixe e evolución, dende os inicios do cinema ata os nosos días. Así mesmo, pretende reflexionar sobre unha tendencia actual a romper cos antigos estereotipos e formas, reivindicando o empoderamento da muller a través da exhibición do seu corpo espido.

 

Muller Personaxe de Lucía Estévez é un ensaio ao redor da construción da personaxe feminina no cine. Segundo a propia autora «a miña nai non traballa no sector audiovisual. Por estar afastada dende o punto de vista profesional quixen que fora ela a que protagonizase esta peza». Muller Personaxe conforma unha reflexión a través das palabras da súa nai, nunha pesquisa por representar o rostro feminino na pantalla galega.

E ata aquí chega o anticipo do que nos atoparemos nesta pequena sección do festival. Esperamos que a gocedes tanto coma nós e que as pezas cumpran coas vosas expectativas. Vémonos nos Multicines Norte!

Para máis información sobre o ciclo de Proxeccións preme nas pestanas superiores.

39221430_2011978968824001_1700090086030311424_n
Deseño de Marcia Vázquez

Redacción Sabela Sardiña

Anuncios