Foliada

A noite folk remata no Burla Negra cunha boa foliada! Pero, a que nos referimos con foliada?

Aínda que comunmente este termo se emprega como sinónimo de “esmorga” e máis especificamente asociada á música tradicional galega, somos moitas as persoas que descoñecemos a súa orixe, e que de feito, aínda no está de todo esclarecida.

Unha das posibilidades é que foliada derive de esfollada (desbotar as follas das espigas do millo). A esfollada realízase durante os meses de outubro e novembro en grupos de diferente tamaño. Pese a que na actualidade as tarefas agrarias sofren unha tendencia cada vez máis individualista, non fai moito anos, a veciñanza dunha aldea, e mesmo de aldeas veciñas, repartíase en grupos para ir esfollando o millo dos distintos agros. No devir destas tarefas que non deixan de ser mecánicas, para enredar, producíanse diversos cantos que habitualmente remataban en bailes. É por iso que se cre moi posible que os cantos festivos e de romaría sexan coñecidos como foliadas, asociadas ao contexto da esfollada.

No entanto, musicalmente falando, a foliada correspóndese a un xénero derivado da xota de carácter alegre e cun tempo máis pousado ca esta. As foliadas son tonais con forma de estrofa e retrousos, onde as alusións humorísticas soen ser habituais. Xeralmente iníciaas un solista ou corda que dá entrada a todas as persoas que se queiran unir.

Os coros galegos nados a finais do SXIX basearon tanto a súa estética como o seu repertorio na música tradicional galega, popularizando a interpretación vocal musical. Co cada vez máis crecente fluxo das familias labregas ás cidades, os coros foron os encargados de transmitir e preservar unha cultura eminentemente rural. Dentro do seu repertorio, as foliadas tiñan unha gran importancia.

E é aquí é onde se atopa a verdadeira chave da cuestión. Os coros incorporaron ao seu repertorio as foliadas derivadas da esfollada ou pola contra, a foliada xurdiu da interpretación que os coros facían das xotas e o seu proceso de folclore foi posterior?

Sexa como sexa, aínda hoxe en día a foliada constitúe un valioso vínculo de conexión coa cultura tradicional galega e unha xanela para transportarmos por unha noite ás esmorgas máis xenuínas do noso pobo.

Só resta por dicir, traede a gorxa a punto e moitas ganas de bailar e rexoubar!

A partir das 23h no Burla Negra con DADGA e a Nova regueifa feminista. Entrada 5€.

 


Redacción Sabela Sardiña

Anuncios