Inherente teatro

A xornada no MARCO péchase coa intervención de Noelia Blanco, Noa Covelo e Celina Fernández Ponte,  Inherente Teatro,  e a súa peza inédita que será representada por primeira vez ante o público no Ciclo de artes escénicas dentro da programación do III Festival 85C.

A obra explora, como as creadoras achegan, conceptos coma  ser ou non ser. Nutrirse. Debuxarse con pinceladas grosas. Non ser o resultado dunha paisaxe impresionista. Non ser entre as manchas. Manchar. Impresionar. Estoupar. Sentirse no mundo. No mundo. Enzoufarse: con fariña, con sal, con viño, con auga, con corazóns de vaca, con suor, coa sarabia das pólas… Mancharse con noxo e pracer. Licuarse, solidificarse, emulsionarse, cociñarse, transformarse… Facerse substancia mutable, sen saber se iso é poderoso ou precario. Facer teatro líquido. Facerse unha teatro e facendo teatro facerse a unha.

Inherente Teatro créase no ano 2016 por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti.  Ambas as tres actrices tituladas pola ESAD de Galicia. Sustentan o seu traballo na creación colectiva e nas novas linguaxes teatrais.

21586762_700049493519314_7346065354978767918_o.jpg
Inherente teatro

Coa súa primeira obra Dramaturxia das mulheres, foron finalistas no VIII Certamen de Novos Investigadores Teatrais en Sevilla, ademais de participar en numerosos festivais teatrais como o FETEGA na súa XXVIII edición, no II Encontro de Mulleres Creadoras dentro do FITO ou na XXXIV Mostra Internacional de Teatro Cómico de Cangas. Neste último interviron cunha obra creada en coprodución coa Mostra: Agares que buligan gozando ao son dunha habaneira que no é.

Combinan o seu traballo como intérpretes, con talleres formativos de creación escénica.

Actualmente, colaboran coa compañía Butaca Zero e con outras iniciativas artísticas como o Violencia Zero e o Ciclo Son de Muller.

A estrea peninsular da nova obra de Inherente Teatro terá lugar o día 8 de setembro de 2018, ás 17.30h no MARCO – Museo de Arte Contemporáneo de Vigo dentro do marco do III Festival 85C. Compartirán escenario coa estrea da peza de danza BOWND (Catarina Campos e Melissa Sousa) e Ada ou contar de memoria unha novela de Nabokov (María Roja e María Chiginskaya). Entrada 10€.


Redacción Vanessa Glemsel e Nuria Vilán

Anuncios