Nova regueifa feminista

“A regueifa é responder con retranca cantando a quen che acaba de botar unha picada, é contestar dando a cara e o dereito á réplica(e non ter medo de que se destapen os trapos sucios) pero tamén é participar sen que te conviden, que o caché sexa o enxeño e o coñecemento da xente nosa, do contexto  —como conta Lupe Branco que facía o seu avó en Bergantiños, e por iso era tan bo—, é improvisar en petit comité, sen necesidade de aplauso, coa xente, sen títulos, na vida. E aí é onde hai canteira. E pedra que picar (prexuízos, formas, temas, vestidos, corpiños, complexos, escoitas, oídos, voces, ritmos).” (Lara do Ar na revista Sermos Galiza, setembro de 2017).

Captura de pantalla (128)
A Nova regueifa feiminista está ata a cona

A Nova Regueifa Feminista está formada por algunhas das moitas regueifeiras dispersas por toda Galiza. As súas integrantes coincidiron por primeira vez no I Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza en Vila de Cruces, onde este ano se celebrou de novo a súa segunda edición. Entre elas, a noite do venres 7 a partir das 23h no Burla Negra contaremos con Branca Trigo, Lara do Ar, Sil Vinha, Sara Marchena e Alba María.

Captura de pantalla (122)
Nova Regueifa Feminista

Branca Trigo é unha multiinstrumentista de Teis que ademais de tocar a gaita, a requinta e a frauta traveseira, imparte obradoiros de regueifa feminista para todo tipo de público e forma parte da experimentada fornada de mulleres avezadas en pórlle os puntos sobre os is aos novos repentistos e non só.

 

Lara do Ar, regueifeira afeccionada e poeta das Travesas que desde os combates da Hostia en Verso deu o saltiño á rima improvisada grazas ao Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV). Lara redactou un artigo para un especial de Sermos Galiza do 27 de setembro de 2017 sobre a Regueifa que podes ler abaixo.

 

captura-de-pantalla-126.png
Nova regueifa feminista

Sil Vinha, activista comprometida e mordaz que ten levado a súa agudeza a encontros solidarios e reivindicativos de Galiza e da diáspora, regueifando contra a represión e a pobreza e reivindicando a mestura vascogalega nos Regueibertsos do Atlantikaldia con Sara Marchena e Esther das Luras. Xunto con esta última, Sil Vinha deu tamén un obradoiro de regueifa feminista na Casa das Mulleres de Vigo.

Sara Marchena que non só regueifa, senón que está a tirar do potencial do repente para enganchar a novas xeracións á improvisación e á crítica feminista, dando cursos e obradoiros sobre a regueifa e o seu parente o brindo.

Alba María, cantautora, música e investigadora de longa traxectoria no repente, que pon o broche ao elenco e quen ten participado en numerosas disputas regueifeiras, así como obradoiros, libros e artigos sobre estas e mais o brindo, levando a tradición desde o Courel ata Compostela.

A Nova Regueifa Feminista abrirá a noite do vernes 7 no local Burla Negra na compaña do grupo DADGA e da posterior Foliada.

Burla Negra, 23h, 5€.

 

Artigo de Lara do Ar para un especial do SERMOS GALIZA sobre Regueifa do 27 de setembro de 2017.

Moita canteira

O repente galego saíu do armario. Malia a perda de presenza da improvisación oral na vida cotiá, esta volve aboiar e sae á luz pública, aos novos medios e lugares de comunicación, twitter, facebook e whatsapp incluídos.

O pouco valor que a elite intelectual e a modernidade lle outorgaron á cultura popular ou comunitaria —á marxe da música tradicional e folk, centrada máis na recollida de melodías e coplas ca na vertente jazzística e literaria do repente—, unida ao dominio do audiovisual e virtual fronte ás formas de comunicación popular e escénica poderían explicar o descoñecemento sobre estas artes co que medramos a maioría da poboación (non só urbana) galega nacida tras a ‘Transición’.

É nesa desconexión interxeracional, que se deu en tantos ámbitos, onde o papel do activismo cultural resulta decisivo unha vez máis. Son moitos os feitos que alicerzaron e propulsaron este rexurdir nestes anos: as actividades de formación guiadas por artistas da regueifa en activo (o Josinho, o Caruncho, Lobariñas, Alba María, Quique, o Suso e o Pinto) en escolas e universidades, o traballo sostido de posta en valor da Asociación Oral de Galiza —con obradoiros, actos, asesoramento municipal e o recente programa A Punta da Navalla—, o proxecto Regueifesta das Cruces, o I Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza, a conexión con artistas doutras culturas no certame internacional de Valadares e outros cursos, colaboracións xornalísticas de novas voces coma Sil Vinha ou Quique, clases para a cativada e ata un concurso de regueifas infantís gravadas en vídeo.

Algo se move. Son gorxas inquedas, imaxinativas, enxeñosas. Que abren e pechan a glote mentres pensan no que han dicir xusto a continuación para non quedar moi mal co auditorio, salvar o orgullo ante colegas e gozar un anaco, deixándose levar pola música. Di Alexis Díaz Pimienta, quen ostenta o posto, único no mundo, de Catedrático de Improvisación Oral na Universidade da Habana, que a improvisar se aprende, non se nace aprendido.

E esta é unha das marabillas da regueifa: o seu potencial empoderador e lúdico. A regueifa terá futuro se cremos en nós, en cada unha das persoas que somos, e nos atrevemos a expresarnos, a xogar, a esquecer o ridículo, a debater e incluír aos demais nos enredos, a pronunciarnos, a utilizar o humor e a música como forma de comunicación e socialización. A expornos. Por iso a canteira é inxente. Pero entran en xogo factores psicolóxicos e sociais que poden facela voar ou recuar.

As regueifas dan momentos máxicos. No encontro de repentistas galegas deste ano houbo, para min, dous inesquecibles. No escenario, dúas filas de improvisadoras novas, moi novas, regueifando nerviosas sobre un tema dado pola organización. Un silencio, uns segundos que tardan en retomar o fío e séntese unha voz desde o público: é Xosefa de Bastabales, que intervén desde a butaca improvisando tan ben que pensamos que botaba unha copla de memoria acaída á ocasión; ela, que ás veces está e non está, sentíase na casa e dábanos leccións desde un lugar no que o trivial se perde e o fondo se mantén.

O segundo, á volta no coche desde a asemblea: Branca Trigo, Sil Vinha, Yolanda e a que escribe gozando todo o traxecto desde as Cruces a Vigo, en regueifa continua e cuestionadora do statu quo das disputas pementeiras, improvisando e rindo sen parar, como cómpre.

O emerxer público da regueifa é incuestionable; aínda que apenas se encetase o camiño e os prexuízos e as reticencias perduren, non hai dúbida de que a tendencia é crecente e pode chegar a ser exponencial. Porén, non é ese ámbito, aínda que importante, o que a min máis me gustaría reivindicar. Á fin e ao cabo, non deixa de ser un espectáculo, no que hai quen actúa e quen escoita. Quen sabe e quen non sabe. Quen ten pedigree e quen non. E a regueifa non é iso, só.

A regueifa é responder con retranca cantando a quen che acaba de botar unha picada, é contestar dando a cara e o dereito á réplica(e non ter medo de que se destapen os trapos sucios) pero tamén é participar sen que te conviden, que o caché sexa o enxeño e o coñecemento da xente nosa, do contexto  —como conta Lupe Branco que facía o seu avó en Bergantiños, e por iso era tan bo—, é improvisar en petit comité, sen necesidade de aplauso, coa xente, sen títulos, na vida. E aí é onde hai canteira. E pedra que picar (prexuízos, formas, temas, vestidos, corpiños, complexos, escoitas, oídos, voces, ritmos).

Xente, arte, intervención persoal e política: a regueifa teno todo e non vai parar.

Lara do Ar

 


Redacción Sabela Sardiña

 

Anuncios