Poética Peluqart

Poética Peluqart propón a Carmen Conde, María Lado e Raquel Lima un encontro a través da súa oralidade. Máis que un recital, o día 8 de setembro na sesión vermú do Galería Jazz, o público asistirá á primeira conversa poética entre as tres autoras na que a tradición oral será o nexo pricipal de unión.
Tres voces, tres autoras e tres visións do mundo a través cultura da palabra falada, a spokenword, o SlamPoetry e en resumo o amor e respecto por dar vida á poesía máis aló da escrita.
Un mesmo espazo e unha oportunidade única para atoparse nas verbas alleas
María Lado naceu no coche dun taxista de Cée a noite do 14 de abril de 1979, camiño de Compostela. Comezou a escribir entre as xentes do Batallón Literario da Costa da Morte, onde participou nos tres libros editados polo colectivo.
35198194_671613163175120_2968078652169781248_o.jpgComo poeta ten publicados seis libros individuais: A primeira visión (1997), casa atlántica, casa cabaret (2002), berlín (2005), Nove (2008), Amantes (2011) e oso, mamá, si? (2015) que foi escollido mellor libro de poesía na I Gala do Libro Galego. Tamén e autora dos contos para crianzas Porque Cuqui non quere ir á lavadora (2014) e 5minutos (2018) e da novela xuvenil Entre os dous hai un río (2016), ambientada no barrio de Lavadores.
Textos seus foron publicados en castelán, catalán, portugués, ruso, croata, inglés e irlandés. Participa de diversas antoloxías, das que destaca antoloxía de poetas irlandesas e galegas To the winds our sails (Salmon Poetry, 2010), Veinte puntos de fuga. Poesía gallega contemporánea (Fundación editorial El perro y la rana. Venezuela, 2011), Anthology of Galician Literature (Xunta de Galicia, Xerais e Galaxia, 2012), e o volume Intimi pogon. Fábrica íntima compartido con Gonzalo Navaza (Croatian Book Center,
Zadar, 2014).
Tanto coma escribir gústalle recitar. Desde o ano 2005 mantén coa poeta Lucía Aldao varios espectáculos baixo o selo de Aldaolado cos que percorren escenarios do máis diverso, desde teatros ata palcos de festa.
Carmen Conde, como ela mesma se define, é filóloga segundo a USC e dramaturga segundo a ENERC (Bos Aires). Contadora con funcións nas dúas beiras do Atlántico, autora de relatos breves publicados en tiras de a un para crianzas e público adulto e humorista de comedia unipersonal con varios espectáculos entre os que están “Las Muñecas Rusas”, “Trinidad”, “El Efecto Kuleshov”, “Contos Ultramarinos” e “Premios Darwin”  (esta última peza foi gañadora do premio a Mellor Comedia por parte de Hipócrita Teatro).
Nacional.jpg
Carmen Conde no Festival Vociferio

Traballou ademais como guionista en Dama Negra Films (curtametraxes de ficción) e en Falperra Producciones (documental). Foi mestra de teatro no centro de Dano Cerebral de A Coruña ADACECO e é tamén coorganizadora do micro aberto “Serpes na Cachola” de Compostela desde 2017.

A partir de  2009 comeza a impartir obradoiros de relato breve, micorrelato e narración oral. Dentro do mundo do Slam Poetry foi gañadora do Slam de Poesía Oral Zona Norte en Buenos Aires (2015) e tamén da I Edición do Slam Poetry Compostela (2018) que a levou ata o Vociferio. Festival de poesia de València.

Raquel Lima é unha autora de poesía e artista da palabra falada que vive entre Lisboa e Coimbra (Portugal), onde participou en numerosos festivais, entre os que descatan o Festival Silêncio, FOLIO e Palavras Andarilhas. Foi convidada a numerosos eventos internacionais de poesía, literatura, tradición oral e palabra falada en países como Italia, Francia, Polonia, Reino Unido, Bélxica, Brasil, Estonia, España, Países Baixos, Suecia, Suiza, San Tomé e Príncipe e, máis recentemente, Gana e México.

Corre a cargo da organización de eventos e obradoiros en varias escolas, asociacións, festivais e no eido de residencias artísticas, destacando a Obradoiro “Poesía e Xénero” en Tartu (Estonia) e São Paulo (Brasil) e a coordinación do PortugalSLAM – Festival Internacional e Plataforma de Poesía e Performance entre 2013 e 2016. Os seus poemas foron publicados en varias antoloxías e fanzines, a súa obra foi traducida a varias linguas e colaborou con diferentes músicos e artistas na procura de sonoridades e linguaxes que dialogasen coa súa poesía. Está graduada en Estudos Artísticos pola Escola de Artes e Humanidades da Universidade de Lisboa, formou a asociación cultural Pantalassa e realiza o seu doutorado en Postcolonialisms and Global Citizenship no Centro de Estudos Sociais da Universidade de Coimbra.

Imparte tamén, dentro da programación do Festival 85C 2018 o obradoiro de Poesía e xénero.

O espazo leva o nome de Poética Peluqart, como xesto de gratitude e compromiso con  Sara García Peluqart “¡Arte para tirarse de los pelos!”. Peluqart é un salón de peiteado e galería de arte de Vigo á dirección de Sara García.  Este 2018 Peluqart é a maior patrocinadora do III Festival 85C! Ademais é xa coñecida na cidade por ser unha mecenas asidua e arriscada que apoia a poesía e case calquera proposta artística feita con agarimo e profesionalidade.

Grazas desde 85C, Sara García Peluqart, por xerar arte e confiar en nós!

 


Redacción Nuria Vilán

Anuncios