Proxeccións

Presentámosvos unha das seccións máis esperadas por todas aquelas persoas amantes do audiovisual. Trátase dunha serie de curtametraxes, todas elas proxectadas en VSO en galego, que poderá gozarse nas salas dos Multicines Norte durante os tres días de duración do festival. Con este ciclo preténdese dar visibilidade ás obras das autoras galegas e crear un nexo de unión entre as súas pezas.

A mostra, programada na súa totalidade por Iria Silvosa, contará con 14 curtametraxes que exploran distintos xéneros. En palabras de Iria “o que busca o ciclo é romper coa posición clásica da muller como obxecto retratado, pasando a ser ela mesma quen toma a dirección do retrato e da propia escena”.

21557446_10209572996021725_7511045193429613700_n.jpg
Iria Silvosa

Iria Silvosa, montadora e creadora audiovisual, enfoca a súa traxectoria principalmente á edición. Realizou a montaxe de A estación violenta, xunto á directora Anxos Fazáns e Diana Toucedo, e da curtametraxe Sendeiro de Lucía Estévez, aínda que tamén realiza as súas propias pezas, na súa maioría de corte non-ficción, nas que xoga coa propia construción e linguaxe cinematográfica. Os propios procesos son protagonistas da obra e temas como a memoria e a (re)construción da mesma son unha constante case obsesiva, especialmente en pezas como atisbos , LAR e Extraño.


Graduada en Comunicación Audiovisual en Pontevedra (Uvigo) e especializada en montaxe co mestrado en edición e postprodución realizado na escola CENTA en Donostia (Gipuzkoa).

O ciclo iníciase o venres 7 e esténdese ata o domingo día 9, contando con algunhas das directoras que abrirán un diálogo sobre as súas creacións co público asistente. A cita será os tres días ás 20h no mesmo lugar, os Multicines Norte.

Para máis información preme nas pestanas Venres 7Sábado 8 e Domingo 9.

Multicines Norte, 20h, entrada 3,50€

39221430_2011978968824001_1700090086030311424_n.jpg
Deseño de Marcia Vázquez

Redacción Sabela Sardiña

Anuncios