Que é 85C?

85C é unha asociación sen ánimo de lucro que traballa irmandando mulleres artistas de distintos eidos e cidades coa intención de facer medrar o panorama da cultura emerxente. Ata actualidade céntrase en Vigo, pero ten  intención de chegar a outros lugares de Galicia e de España. O obxectivo fundamental é crear conciencia da falta de presenza de mulleres nos festivais, concertos, exposicións, teatros e na escena pública en xeral.

cropped-22769859_2008322446077506_8335319121898662666_o.jpg

O motivo polo que 85C se conforma como asociación é a procura dun cambio na visión da muller na sociedade e de novos referentes femininos que saian dos estereotipos de xénero e que acaden postos de poder e recoñecemento profesional no seu traballo. Conscientes da invisibilidade sistemática da muller ao longo da historia, desde 85C promóvense nomes propios de artistas con éxito nas súas carreiras profesionais dando impulso a novas creadoras e propostas.

O nome da asociación referencia a Rosalía de Castro e é ademais un xogo de palabras que alude a unha talla de suxeitador. A líder do canon da literatura galega é claro exemplo do afán de reivindicación, feminismo e compromiso que encabeza o pensamento crítico da asociación. O ano do seu falecemento, 1885,  é o mesmo da talla máis pequena de suxeitador, a 85, e a primeira letra do seu apelido, o “C”, é unha medida existente de copa de lencería. 

A 85C, o mesmo que a Rosalía, hai que lernos con dobre sentido.
Máis alá dos nosos talles, as nosas ideas!

A lingua vehicular nestes anos foi sempre o galego debido a unha fonda preocupación pola situación do idioma e pola súa normalización e presenza nos distintos eidos culturais e administrativos.

Desde 2016, 85C correu a cargo de varios eventos que se poden consultar na pestana de Eventos 85C. 

O logo actual da asociación, o ollo cultural, foi creación de Raquel García Bragado para a II Edición do Festival 85C 2017.

22712403_2008441399398944_7209018138037325358_o

 


Redacción Nuria Vilán

 

Anuncios