TilinTilonia

Nunca é moi cedo para comezar nisto da arte!

85C achega actividades para toda a familia e no seu ciclo de artes escénicas programa, para as persoiñas máis pequerrechiñas da casa, TilinTilonia

 

CARTELFINAL85C2018

Tilintilonia de O Baúl da Tía Tola (Soraya Paradela e Anna Canadillas) é un pequeno planeta habitado por Tilín e Tilón, cada unha co seu son. Elas descubrirán un mundo cheo de texturas, cores, sons e fantásticos seres que xorden coa música e onde o aire e a auga se converten en elementos de xogo.

Visualmente entramos nun mundo de ensoñación grazas as teas e ao que estas suxiren,  teas que voan e forman parte do vento, ondulan como a auga, queiman coma o lume e nos acubillan coma a terra.

Un espéctaculo que pretende estimular os sentidos viaxando polas sensacións e as emocións e dirixido para persoas de entre 0 e 99 anos, aínda que especialmente indicado para aquelas que se atopen entre 6 meses e os 3 anos.

Soraya Paradela, actriz e profesora. Formouse en interpretación e diversos estilos de danza en diferentes escolas de Madrid e Vigo como A Artística (Vigo) e Ladinamo (Madrid). Traballou como actriz en diferentes espectáculos infatís, como Aladín perdido na Galiza e diversas obras teatrais como creadora e intérprete. Como docente imparte clases de Improvisación teatral para todas as idades e realiza actividades con cativos (dende visitas guiadas ata seguimento escolar). Actualmente, forma parte do equipo artístico de Menú vexetal, espectáculo infantil de Produccións Artísticas.

Anna Canadillas, actriz e profesora de teatro. Formouse en diferentes estilos e métodos nas escolas Municipal de Vigo e Studis de teatre en Barcelona onde se especializa en teatro xestual. Leva máis de 7 anos como profesora de nenos en diferentes eidos como o teatro, psicomotricidade en educación infantil e manualidades. Creou diferentes espectáculos infantís a partir da adaptación de contos e o uso de monicreques e obxectos. Actualmente, forma parte do equipo artístico de Menú vexetal, espectáculo infantil de Produccións Artísticas.

O domingo 9 de setembro Tilín e Tilón espéranvos na Praza da Constitución ás 12:30.

Entrada de balde!CARTELFINAL85C2018

Anuncios