Venres 7

A primeira proxección será Tempo en loita (2018), dirixida pola viguesa Lucía Estévez que vén de recibir o Premio María Luz Morales ao mellor videoensaio galego por Muller Personaxe, e que tamén teremos a oportunidade de visualizar o Domingo 9.

Captura de pantalla (110)
Lucía Estévez

Lucía traballou como auxiliar de cámara en distintos proxectos do panorama nacional e como continuísta en curtas como a premiada en Sundance Matria ou o filme de estrada feminista Antes de PerderTempo en loita integra cinco historias diferentes sobre o reencontro, que constitúen, segundo palabras da propia autora “cinco cadros que falan do amor que houbo entre irmáns, amigos, amantes, familiares, coñecidas. Un abrazo ao lonxe polos ollos, un arrolo ao tempo.”

 

 

Captura de pantalla (111)
Peque Varela

Desde as Rías Altas chega a directora e animadora de publicidade Peque Valela coa súa obra 1977 (2007). Esta peza obtivo 15 premios internacionais e participou na competencia oficial de prestixiosos festivais como no Festival de Cinema de Sundance e no Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand. 1977 aborda diferentes temas identitarios relativos á infancia, ao xénero e á sexualidade: unha cidade pequena, un nó que medra e unha nena procurando a súa propia identidade.

 

 

Continuamos con Cruz Piñón (2013) da prolífica cineasta e investigadora Xisela Franco, fundadora de Epojé Films. Xisela obtivo unha bolsa para cursar un Mestrado en belas artes na Universidade de York en Canadá, onde acabou impartindo clases como profesora de apoio do teórico de cinema John McCullough. Neste período, Xisela conectou coa vangarda experimental canadiense, para volver a Galicia en 2010 formando parte dun momento único do cinema galego. A súa obra percorreu museos, galerías e festivais de cinema internacionais.

Captura de pantalla (112)
Xisela Franco

Cruz Piñón achéganos ao mundo rural e tecnolóxico a través dun díptico visual que nos amosa as dúas facetas da súa protagonista: a do día a día traballando no rural e a da muller con ganas de aprender sobre as novas tecnoloxías que non quere deixar escapar o mellor dun mundo novo. Cruz Piñón entraña unha chamada ao optimismo; unha historia de superación e aprendizaxe que nos devolve a confianza na capacidade do ser humano para evolucionar continuamente ata a propia realización.

 

 

 

Captura de pantalla (113)
Diana Toucedo

E desde a Cidade Condal chega a redondelá Diana Toucedo coa súa curta Corpo Preto (2016). Diana editou máis de dezaseis pezas audiovisuais, entre as que, por nomear algunhas, se atopan La noche que no acaba de Isaki Lacuesta, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia, Júlia Ist de Elena Martín ou A estación violenta de Anxos Fazáns. Tras realizar varias curtas como directora, este ano presentou na Berlinale a súa primeira longametraxe Trinta Lumes, galardoada entre outros, polo público vigués no Festival Primavera do Cine. Corpo Preto parte do filme Límite de Mario Peixoto e explora o corpo feminino ante os seus propios medos e anguria, nunha obra de remontaxe. Un corpo que desexa estar preto da luz pero tamén da escuridade, un corpo de cinema que se materializa como vidente.

 

 

captura-de-pantalla-114.png
Ariadna Cordal

The girl and the city (2017) da estudante de comunicación audiovisual Ariadna Cordal, quen se define como interesada no cine e nos videoxogos. Formou parte da Selección Oficial do Festival de Cans e creou a obra Estela, recoñecida no concurso universitario.  Estela é unha curta de stop motion sobre unha rapaciña que atopa unha estela e sobre como os seus arredores rexeitan o descoñecido. Ela embárcase nunha pequena aventura e cambia para ben.
The girl and the city, pola súa banda, é un documental observacional sobre unha rapaza que descubre unha cidade durante unha noite, unha reflexión sobre o cambio e a súa experiencia viaxando ela soa.

 

 

 

Captura de pantalla (115)
Lara e Noa Castro

Para rematar a xornada vespertina contaremos con Pezas Imposibles (2018) das novas promesas do audiovisual galego Lara e Noa Castro. Estudantes de Artes Plásticas que produciron no Chanfaina Lab o Ollo cobizoso alén de Pezas Imposibles. Un traballo en nove partes, un experimento poético no que as creadoras xogan cun espazo imposible, para explorar os lugares interiores de dúas personaxes sen identidade, que se relacionan, moven, e actúan de forma ambigua; creando unha especie de danza teatral que pode chegar a afogarte.

 

Para máis información sobre o ciclo de Proxeccións preme en Sábado 8Domingo 9.

Entrada 3,50€, Multicines Norte, 20h.

 


Redacción Sabela Sardiña

 

Anuncios